CMATI

Vostede está en:
|
|
|
Compartir

Mosca das pedras (Perla madritensis)

Descrición

Trátase dunha das maiores larvas dentro da orde Plecoptera, podendo superar os 25 mm. A larva ten unha forma repoluda e robusta e ao longo do pronoto e os terxitos abdominais pódese apreciar unha sucesión de sedas longas moi visibles. Os bordos posteriores dos fémures e as tibias tamén mostran unha serie de pelos agrupados en feixes. Están dotadas de poderosos ganchos para suxeitarse ao substrato. O insecto adulto é alado, aínda que é un voador mediocre, e mostra unha coloración xeralmente escura. A diferenza dos tricópteros, as ás dos plecópteros descansan en paralelo sobre o corpo e non en forma de telladiño.

Reprodución

A cópula ten lugar na vexetación de ribeira dos cursos de auga. A femia expulsa os ovos que ten na parte inferior do abdome cara á superficie da auga sobre a que nada. Para iso aproveita a corrente do río.

Tras un período de tempo no medio acuático, as ninfas saen da auga e instálanse sobre unha pedra. Neste momento prodúcese a eclosión e, tras secar ao sol, o voo.

Alimentación

As larvas son carnívoras. Aliméntanse de oligoquetos, crustáceos, larvas doutros insectos, etc.

Hábitat

As larvas habitan ríos libres de contaminación, con augas rápidas, frías e ben oxixenadas, sobre fondos pedregosos. Os adultos non se afastan moito deses medios.

Distribución

Trátase dunha especie endémica da península Ibérica. Atópase en practicamente todos os ríos galegos.


Interese humano

É unha especie moi exixente en canto á calidade das augas, polo que pode utilizarse como indicadora de contaminación, sendo empregada no cálculo de índices bióticos, como por exemplo o BMWP. Ademais, constitúen un importante recurso trófico para as troitas e outros peixes de augas continentais.

Nome común
Mosca das pedras
Nome científico
Perla madritensis
Clase
Insectos
Familia
Perlidae

Documento/s relacionados
Subir