CMATI

Vostede está en:
|
|
|
Compartir

Ámbito de aplicación

A avaliación ambiental de plans e programas, ou avaliación ambiental estratéxica, é un instrumento que permite integrar os aspectos ambientais na elaboración e aprobación de plans e programas públicos para acadar un elevado nivel de protección do medio e promover o desenvolvemento sostible.

Lexislación de referencia

• Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental
• Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia
• Lei 1/2021, do 8 de xaneiro, de ordenación do territorio de Galicia

Plans e programas sometidos a avaliación ambiental estratéxica

Con carácter xeral, deben ser obxecto de avaliación ambiental estratéxica todos os plans e programas, así como as súas modificacións, que adopte ou aprobe unha administración pública e que ademais a súa elaboración e aprobación estea esixida por unha disposición legal ou regulamentaria ou por acordo do Consello da Xunta.

A Lei 21/2013 distingue dous tipos de avaliación ambiental estratéxica:

  • Ordinaria. Cando con carácter xeral se presume que un plan terá efectos significativos sobre o medio e, polo tanto, debe ser avaliado antes da súa aprobación, adopción ou autorización.
  • Simplificada. Cando é necesario que o órgano ambiental determine se un plan ten efectos significativos sobre o medio, segundo os criterios establecidos no anexo V. Se conclúe que o plan ten efectos significativos sobre o medio deberá tramitarse o procedemento ordinario.

Procedemento ORDINARIO

Plans e programas que establecen o marco para a futura autorización de proxectos legalmente sometidos a avaliación de impacto ambiental en materia de agricultura, gandaría, silvicultura, acuicultura, pesca, enerxía, minaría, industria, transporte, xestión de residuos, xestión de recursos hídricos, ocupación do dominio público marítimo terrestre, telecomunicacións, turismo, ordenación do territorio urbano e rural, ou do uso do solo (artigo 6.1.a da Lei 21/2013)

Plans e programas que requiran una avaliación ordinaria porque poden afectar de forma apreciable ás especies ou hábitats de espazos protexidos Rede Natura 2000 (plans que non teñen relación directa coa xestión do lugar ou non son necesarios para a mesma)2 (artigo 6.1.b da Lei 21/2013)

Plans que deben someterse ao procedemento simplificado pero, a solicitude do promotor, o órgano ambiental determina sometelo ao procedemento ordinario (artigo 6.1.d da Lei 21/2013)

Plan básico autonómico (artigo 46.1.a da Lei 2/2016)

Plans xerais de ordenación municipal (artigo 46.1.b da Lei 2/2016)

Directrices de ordenación do territorio, así como as súas modificacións (artigo 22.1.a da Lei 1/2021)

Plans territoriais integrados, así como as súas modificacións (artigo 22.1.b da Lei 1/2021)

Plans sectoriais, así como as súas modificacións (artigo 22.1.c da Lei 1/2021)

Procedemento SIMPLIFICADO

Modificacións menores1 de plans e programas sometidos ao procedemento ordinario (artigo 6.2.a da Lei 21/2013)

Plans e programas que poidan afectar a espazos da Rede Natura 2000 (plans que non teñen relación directa coa xestión do lugar ou non son necesarios para a mesma)2

Plans e programas que, cumprindo os requisitos necesarios para ser sometidos ao procedemento ordinario, establecen o uso, a nivel municipal, de zonas de reducida extensión (artigo 6.2.b da Lei 21/2013)

Plans ou programas que, establecendo un marco para a autorización no futuro de proxectos, non cumpren os demais requisitos necesarios para ser sometidos ao procedemento ordinario (artigo 6.2.c da Lei 21/2013)

Plans básicos municipais (artigo 46.2.c da Lei 2/2016)

Modificacións menores de planeamento xeral (PXOM/NNSS) (artigo 46.2.a da Lei 2/2016)

Expedientes de delimitación de núcleo rural3 (artigo 46.2.b da Lei 2/2016)

Plans parciais e plans especiais (artigo 46.2.b da Lei 2/2016)

Plans territoriais especiais e as súas modificacións (artigo 22.2.b da Lei 1/2021)

Proxectos de interese autonómico e as súas modificacións (artigo 22.2.b da Lei 1/2021).

Están exceptuados os proxectos dos parques eólicos, así como os das súas infraestruturas de evacuación, cando o proxecto de execución da infraestrutura concreta estea sendo ou sexa sometido a avaliación de impacto ambiental (artigo 40.2 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental)

Nota 1: As modificacións menores son cambios nas características dos plans ou programas xa adoptados ou aprobados que non constitúen variacións fundamentais das estratexias, directrices e propostas ou da súa cronoloxía pero que producen diferenzas nos efectos previstos ou na zona de influencia (artigo 5.2 da Lei 21/2013)

Nota 2: O promotor pode acreditar que o plan ou programa ten relación directa coa xestión dun espazo protexido Rede Natura 2000 ou que é necesario para a súa xestión sinalando a correspondente parte do plan de xestión na que conste a dita circunstancia ou ben solicitando informe ao órgano competente para a xestión dese espazo (artigo 84.2 da Lei 5/2019, do 2 de agosto, do patrimonio natural e da biodiversidade de Galicia).

Nota 3: Os municipios sen planeamento xeral poderán delimitar o solo dos núcleos rurais existentes, logo da aprobación do correspondente expediente de delimitación (art.78 da Lei 2/2016). Os expedientes de delimitación deben someterse a avaliación ambiental estratéxica simplificada, conforme co procedemento previsto no artigo 78.4 da Lei 2/2016. As modificacións do planeamento xeral que teñan por obxecto a delimitación do solo de núcleo rural tramitaranse seguindo o mesmo procedemento (artigo 83.6 da Lei 2/2016).

Nota 4: Os estudos de detalle aos que fai referencia o artigo 79 da Lei 2/2016 non se someten a avaliación ambiental estratéxica

Contacto/s relacionados