CMATI

Vostede está en:
|
|
|
Compartir

Documento ambiental estratéxico

A solicitude de inicio da avaliación ambiental estratéxica simplificada dun plan ou programa debe remitirse ao órgano substantivo, xunto coa documentación esixida pola lexislación sectorial, o borrador do plan ou programa e un documento ambiental estratéxico (DAE).

Lexislación

A Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental establece no artigo 29 o contido que, como mínimo, debe ter o documento ambiental estratéxico.

Contido

O contido mínimo do documento ambiental estratéxico é o seguinte:

  1. Obxectivos da planificación.
  2. Alcance e contido do plan proposto e das súas alternativas razoables, técnica e ambientalmente viables.
  3. Desenvolvemento previsible do plan ou programa.
  4. Caracterización da situación do medio antes do desenvolvemento do plan ou programa no ámbito territorial afectado.
  5. Efectos ambientais previsibles e, se procede, a súa cuantificación.
  6. Efectos previsibles sobre os plans sectoriais e territoriais concorrentes.
  7. Motivación da aplicación do procedemento de avaliación ambiental estratéxica simplificada.
  8. Resumo dos motivos da selección das alternativas consideradas.
  9. Medidas previstas para previr, reducir e, na medida do posible, corrixir calquera efecto negativo relevante no medio da aplicación do plan ou programa, tomando en consideración o cambio climático.
  10. Descrición das medidas previstas para o seguimento ambiental do plan.
  11. Información cartográfica

Afección a espazos protexidos Rede Natura 2000
Cando o plan que se inicia poida afectar a espazos da Rede Natura 2000 - e o plan non teña relación directa coa xestión destes espazos ou non sexa necesario para a mesma-, no documento ambiental estratéxico o promotor poderá acreditar de dúas maneiras que o plan non é susceptible de causar efectos apreciables sobre as especies ou os hábitats do espazo: (1) sinalando a parte do plan de xestión no que conste expresamente como actividade permitida o obxecto do devandito plan; (2) incorporando o informe emitido polo órgano competente para a xestión do espazo no que se determine tal circunstancia. [Artigo 84.2 da Lei 5/2019, do 2 de agosto, do patrimonio natural e da biodiversidade de Galicia]

Modificación menor dun plan ou programa
Cando se pretenda tramitar a modificación menor dun plan ou programa xa aprobado o contido do documento ambiental estratéxico poderá variar en función do tipo e do alcance da dita modificación, mais en todo caso deberase xustificar no documento a non inclusión dalgún apartado.

Capacidade técnica e responsabilidade

No documento ambiental estratéxico deberase identificar o/s seu autor/es indicando a súa titulación e, no seu caso, profesión regulada. Ademais, deberá constar a data de remate e sinatura do/s autor/es.

Confidencialidade

O promotor deberá indicar que parte da información contida no documento presentado considera que debería gozar de confidencialidade.

Formato de entrega

 Formato dixital non editable (PDF), asinado dixitalmente, e formato non editable (EDIT).

Cando se trate dun instrumento de ordenación do territorio ou de planeamento urbanístico, deberá estar adaptado ás Normas técnicas de planeamento urbanístico de Galicia.

 

Contacto/s relacionados