CMATI

Vostede está en:
|
|
|
Compartir

A Xunta facilita a creación dun aparcadoiro de camións no polígono de San Cibrao das Viñas coa súa declaración como proxecto empresarial singular

Ángeles Vázquez explica que este procedemento permitirá adxudicar a parcela na que se localizará de forma directa e en compravenda

Incide en que ao prezo de venda se lle aplicou un desconto do 50 %, ao abeiro da política de bonificacións e incentivos á compra de solo empresarial na Comunidade, posta en marcha polo Goberno galego no ano 2015

 

San Cibrao das Viñas (Ourense), 10 de abril de 2024

A Xunta de Galicia declarou proxecto empresarial singular a construción dun aparcadoiro de camións no Centro de Transportes e Terminal Intermodal de San Cibrao das Viñas, na provincia de Ourense.

 

Segundo dixo hoxe a vicepresidenta segunda e conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda en funcións, Ángeles Vázquez, esta declaración permitirá adxudicar a parcela A2, de máis de 11.200 metros cadrados de superficie, á Asociación de Empresarios do Polígono Industrial de San Cibrao das Viñas de forma directa e en compravenda.

 

Neste senso, Ángeles Vázquez incidiu en que ao prezo de venda -máis de 235.000 euros- se lle aplicou un desconto do 50 %, ao abeiro da política de bonificacións e incentivos á compra de solo empresarial en Galicia, posta en marcha pola Xunta no ano 2015 e que deu como resultado a adxudicación de máis de 3,1 millóns de metros cadrados nos parques da súa propiedade.

 

O proxecto, promovido co apoio da Xunta de Galicia e da Deputación de Ourense, prevé habilitar 59 prazas de aparcadoiro para camións e dous inmobles separados -para homes e mulleres- con vestiarios e zonas de descanso diferenciadas, controis de acceso e videovixilancia para fomentar un servizo no que prime a seguridade e con perspectiva de xénero, para facilitar o traballo feminino no sector do transporte.

 

De feito, segundo puxo en valor a vicepresidenta segunda en funcións, será o primeiro aparcadoiro de mercadorías con estas características de España, converténdose nunha Área de Estacionamento Segura e Protexida (AESP) da rede galega de aparcadoiros seguros para o sector do transporte de mercadorías promovido pola Xunta de Galicia.

 

Nesa liña, Ángeles Vázquez subliñou que San Cibrao das Viñas é o polo industrial máis importante da provincia de Ourense e o máis antigo de Galicia, contando con máis de 320 empresas instaladas e máis de 8.000 persoas traballadoras, polo que constitúe un espazo idóneo para probar e testar o funcionamento das AESP deseñadas con enfoque e perspectiva de xénero.

 

A maiores, Ángeles Vázquez avanzou que xa se recibiu o informe da Axencia Galega de Infraestruturas sobre a modificación do plan parcial do parque empresarial de San Cibrao das Viñas, o que posibilitará a súa aprobación.

Departamentos relacionados

  • Gabinete de comunicación

  • Correo-e: prensa.mot@xunta.es