CMATI

Vostede está en:
|
|
|
Compartir

A Xunta licita por preto de 400.000 euros os contratos de control de calidade das obras de construción de máis de 350 vivendas de promoción pública

O concurso refírese ao seguimento dos traballos en dez promocións que se levantarán na Coruña, Santiago, Pontevedra e Vigo

As actuacións de edificación xa están todas licitadas e unha delas mesmo foi adxudicada o mes pasado

Santiago de Compostela, 12 de abril de 2024

A Xunta de Galicia licitou por un importe de preto de 400.000 euros o contrato para o control de calidade das obras de construción de 351 vivendas de promoción pública (VPP) que o Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS) vai construír en dez inmobles nos concellos da Coruña, Santiago, Pontevedra e Vigo.

 

De feito, o contrato divídese en dez lotes -un por cada edificio- correspondéndose o primeiro deles coa construción dun inmoble de 40 VPP no barrio de Xuxán. Esta é a promoción máis avanzada das dez ás que fai referencia este contrato de control de calidade -todas xa en licitación- pois as obras xa foron adxudicadas no mes de marzo e está previsto que os traballos de edificación comecen en breve.

 

Os dous seguintes lotes refírense a dous edificios en Santiago de Compostela, un de 24 VPP e outro de 12 que se van levantar en Lamas de Abade. Mentres, outro dos lotes correspóndese co control de calidade das obras dun inmoble de 74 vivendas de promoción pública previsto en Valdecorvos, na cidade de Pontevedra.

 

Os restantes seis lotes refírense a outras tantas promocións que se van levantar en distintas parcelas do Plan Parcial de San Paio de Navia, en Vigo. O contrato inclúe un inmoble de 46 vivendas, outro de 41, un terceiro de 40, outro de 38 e dous máis de 18 vivendas cada un.

 

Nestas dez promocións a Xunta investirá máis de 36 millóns de euros para incorporar ao parque público residencial de Galicia máis de 350 vivendas de promoción pública. O Executivo galego avanza así na súa estratexia co obxectivo de reforzar o actual parque público ata acadar as 8.000 vivendas en 2028 a través, entre outras medidas, do impulso de obras de nova construción ou da rehabilitación de inmobles xa existentes tanto por parte da Xunta como dos concellos.

Departamentos relacionados

  • Gabinete de comunicación

  • Correo-e: prensa.mot@xunta.es