CMATI

Vostede está en:
|
|
|
Compartir

A Xunta investirá máis de 7,5 M€ na retirada dos residuos da fabricación de lindano presentes na zona de Contrasto, no Porriño

Ángeles Vázquez explicou que as actuacións previas comezarán a próxima semana e que as obras de escavación e extracción do material para o seu traslado a unha instalación de valorización arrincarán a comezos do verán 

Os traballos estenderanse ata a segunda metade do próximo ano e están programados por fases para minimizar as molestias á veciñanza

O Porriño (Pontevedra), 19 de abril de 2024

A Xunta investirá algo máis de 7,5 millóns de euros nos traballos para a retirada e tratamento dos residuos da fabricación de lindano presentes na zona de Contrasto, no concello do Porriño.

A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, mantivo hoxe un encontro co alcalde do municipio e con outros representantes do Goberno local na que lles trasladou que as actuacións previas ás obras de escavación e extracción deste residuo comezarán a vindeira semana, mentres que os labores para a súa retirada arrincarán a comezos do verán. 

O obxectivo é sanear esta zona eliminando a presenza de lindano, un dos praguicidas máis empregados na segunda metade do século pasado tanto para fins agrícolas como non agrícolas e que está incluído no Convenio de Estocolmo para a eliminación mundial dos contaminantes orgánicos persistentes. Neste sentido, trátase dun residuo que non se degrada co paso do tempo polo que se aconsella a súa retirada e posterior tratamento para evitar efectos negativos nos organismos vivos.

Tralos traballos previos previstos nas vindeiras semanas, a principios do verán comezarán as actuacións de retirada do lindano e o seu traslado a unha instalación de valorización intermedia. Para elo escavarase o firme existente ata unha profundidade de entre 0,5 e 3 metros e retirarase todo o material no que se ten constatada a presenza deste residuo, dado que é un elemento indisoluble. 

Unha vez completadas estas actuacións na contorna, reporanse o firme e os servizos de alumeado, telefonía, electricidade, saneamento, abastecemento e outros que puidesen verse afectados polas obras de escavación. En canto ao acceso ás vivendas, estará garantido en todo momento con itinerarios alternativos. 

Veciñanza

De feito, os traballos -que está previsto que rematen na segunda metade de 2025- están programados de menor a maior afectación á poboación existente nesa zona co obxectivo de minimizar as molestias á veciñanza. Na contorna hai preto dunha trintena de vivendas, pero non todas elas están habitadas. 

Despois da súa retirada, o centro de valorización de residuos procederá ao tratamento do lindano ben mediante o seu confinamento en condicións de seguridade ben acondicionándoo -no caso do material con maiores concentracións- para o seu traslado e tratamento nunha planta de incineración de residuos. 

Os traballos a retirada dos residuos de fabricación de lindano presentes na zona de Contrasto, no Porriño, contan con financiamento europeo, ao abeiro do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder), por tratarse dunha actuación relacionada coa descontaminación de solos, con efectos indirectos na auga e na atmosfera. 

Departamentos relacionados

  • Gabinete de comunicación

  • Correo-e: prensa.mot@xunta.es