CMATI

Vostede está en:
|
|
|
Compartir

A Xunta realiza labores de conservación e mantemento no río Grande, nos concellos de Carballo e Coristanco

As tarefas céntranse nun treito de preto de 5 quilómetros e inclúen a roza puntual e selectiva de arbustos e a retirada de árbores e biomasa na canle para evitar atoamentos

Santiago de Compostela, 6 de maio de 2024

A Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático, a través de Augas de Galicia, comezou a executar hoxe actuacións de conservación e mantemento no río Grande, nas zonas interurbanas, ao seu paso polos concellos coruñeses de Carballo e Coristanco.

As tarefas programadas desenvolveranse nun treito de preto de 5 quilómetros que transcorre entre as parroquias de San Xens de Entrecruces e Santa María de Rus, en Carballo, e San Salvador de Erbecedo, en Coristanco.

Os traballos consisten na retirada de árbores e biomasa presente na canle fluvial para evitar atoamentos así como en labores de roza selectiva de arbustos co fin de reducir a súa competencia coas especies arbóreas propias do bosque de ribeira.

As actuacións, que xa foron comunicadas aos concellos de Carballo e Coristanco, prolongaranse durante aproximadamente tres semanas e realizaranse mediante a aplicación de ferramentas manuais, o uso de motoserras e rozadoras co apoio de tractores e un camión.

Unha vez finalizadas as obras programadas polo organismo de conca autonómico, este tramo do río Grande quedará completamente despexado de maleza, posibilitando así a circulación fluída das súas augas.

Cómpre subliñar que Augas de Galicia desenvolve este tipo de accións no marco do programa de mantemento, conservación e mellora do dominio público hidráulico das bacías de Galicia-Costa e nas súas zonas de acceso e protección. Neste caso trátase ademais do mantemento dunha zona catalogada como de alto risco potencial significativo de inundación.

O obxectivo é avanzar e mellorar os leitos fluviais para favorecer as condicións naturais do ecosistema dos ríos actuando nas áreas nas que a Xunta ten competencias, fóra das tramas urbanas fluviais de responsabilidade municipal.

Departamentos relacionados

  • Gabinete de comunicación

  • Correo-e: prensa.mot@xunta.es