CMATI

Bosques e ambientes forestais

A situación xeográfica de Galicia, a súa exposición ás influencias mariñas (clima oceánico), as condicións hidrográficas, a existencia de macizos montañosos, así como a influencia humana, dan lugar a unha área heteroxénea con diversidade de formacións arbóreas dependentes da altitude, clima e natureza dos solos.

Os bosques non só son un conxunto de árbores, senón que se trata de ecosistemas moi complexos onde entran moitos outros elementos vexetais e animais, formando un tramado de relacións dinámicas capaces de responder a accións de forzas externas a el. Desde o punto de vista forestal poden considerarse varios tipos de bosques: masas naturais (carballeiras, aciveirais, caxigueirais, etc.) desenvolvidas libremente e sen intervención humana; as masas artificiais, como os piñeirais e eucaliptais de repoboación, e, por último, as masas seminaturais, similares ás naturais pero con intervención silvícola.

Os bosques naturais extensos e ben conservados son escasos no territorio galego, sobrevivindo nuns poucos lugares, sobre todo en certas rexions montañosas (O Caurel e Os Ancares, A Marronda, Vilapena, Muras, etc.), aínda que tamén existen na provincia da Coruña boas representacións de bosque atlántico costeiro (fragas do Eume e devesas de Anllares e Nimo). Estas formacións arbóreas adoitan estar representadas ou dominadas polo carballo (Quercus robur). Os bosques de cerquiño ou rebolo (Quercus pyrenaica) teñen as súas principais manifestacións na metade sur da provincia de Lugo e na provincia de Ourense. Trátase dun carballo de carácter continental e termófilo, que en ditas áreas pode chegar a ser a especie que domine o bosque potencial. O cerquiño tamén se pode encontrar no resto de Galicia, aínda que máis escaso e mesturado co carballo. Máis escasos e localizados son os bosques de acivros (Ilex aquifolium), que teñen algunha boa representación na Serra dos Ancares; os bidueirais (Betula celtiberica), que marcan en certos casos o límite altitudinal arbóreo; os bosques de teixo (Taxus baccata), que en Casaio (Ourense) teñen a súa mellor representación; ou os bosques de loureiros (Laurus nobilis), como o que se presenta na illa de Cortegada. A maioría destes bosques adoitan presentar un estrato herbáceo constituído por plantas nemorais (propias de ambientes húmidos e sombríos). Non todos os bosques presentan a mesma riqueza de especies nos seus estratos herbáceo ou arbustivo. Así, os abeledos son unha das formacións con maior diversidade de especies no seu sotobosque, mentres que os aciveirais, máis tupidos, presentan un menor número de especies. No estrato herbáceo podemos atopar especies como Melica uniflora, Allium victorialis, Polygonatum spp., Omphalodes nitida, etc., mentres que no arbustivo son frecuentes elementos como Frangula alnus, Crataegus monogyna, Pyrus cordada ou Rubus spp.

Entre a fauna que habita nos bosques destaca sobre todo a presenza dunha comunidade ornítica diversa, constituída por especies forestais. Algunhas das máis representativas destes ambientes son os páridos (Parus spp., Aegithalos caudatus), mosquiteiros (Phylloscopus spp.), gabeadores (Certhia brachydactyla) e agatuñadores (Sitta europaea), rapaces como o gabián (Accipiter nisus) ou o azor (Accipiter gentilis), etc.

Entre os mamíferos, é notable a presenza de mustélidos como o armiño (Mustela erminea), a xeneta (Genetta genetta) ou a marta (Martes martes), ademais de raposos (Vulpes vulpes), gatos monteses (Felis silvestres) ou xabarís (Sus scrofa). Tamén son innumerables os insectos que viven nas árbores e o sotobosque, entre os que destacan a vacaloura (Lucanus cervus) e o lonxicórneo Cerambix cerdo, ambas as especies en regresión debido á destrución do seu hábitat. Dentro dos pulmonados destacan o caracol de Químper (Elona quimperiana) e a lesma Geomalacus maculosus, endémicos da península Ibérica, ademais de cochinillas (Oniscus spp.) e numerosos arácnidos, anélidos e miriápodos, organismos todos eles que constitúen unha das principais fontes de alimento para moitas das aves que habitan nos bosques.

Dos 58 tipos de hábitats boscosos de interese comunitario incluídos na Directiva 42/93/CEE, en Galicia soamente están presentes 11 tipos, dos cales 4 considéranse hábitats naturais de interese prioritario.