CMATI

|
|
|
Compartir

A Limia

Este espazo inclúe un total de 6.939,20 ha., repartidas entre os termos municipais de A Porqueira, Bande, Rairiz de Veiga, Sandiás, Sarreaus, Trasmiras, Vilar de Barrio, Vilar de Santos, Xinzo de Limia, e Xunqueira de Ambía. Ademais, A Limia engloba ao LIC Veiga de Ponteliñares.

A área pertence á rexión mediterránea, zona ibero-atlántica e provincia carpetano-ibérico-leonesa, adscribíndose ao sector galaico-duriense.

Na actualidade, a Limia presenta, ademais dun relevo practicamente chan, unha paisaxe eminentemente agrícola e escasamente forestada, na que dominan os cultivos cerealeiros de secaño. Esta fisionomía da vexetación e os factores topográficos poderían conferirlle á comarca algúns trazos de ecosistemas pseudoesteparios nun sentido amplo, a pesar de que na Limia faltan superficies significativas de herbais seminaturais ou pastoreados, aínda que presentes en sectores de antigas veigas de inundación transformadas. No entanto, na comarca existen efectivos relevantes de varias especies de aves consideradas xenuinamente esteparias, como o sisón (Tetrax tetrax), o alcaraván (Burhinus oedicnemus), a tartaraña cincenta (Circus pygargus) e a calandriña común (Calandrella brachydactila), xunto a outras propias de áreas abertas en xeral como a laverca (Alauda arvensis), a cotovía cristada (Galerida cristata), a pica campestre (Anthus campestris) ou o trigueirón (Miliaria calandra). Desta forma, a pesar de non poder ser recoñecida como unha auténtica estepa, hoxe en día a maior parte da comarca da Limia pode definirse como un ecosistema agrario pseudoestepario de chaira cerealeira.

 

Subir