CMATI

|
|
|
Compartir

Estratexia da paisaxe galega

Outro modelo é posible

A Xunta está a desenvolver as medidas integradas na Estratexia da Paisaxe de Galicia, co fin de protexer e preservar os elementos mais significativos e característicos das diferentes paisaxes da nosa Comunidade Autónoma; ordenar a través de accións tendentes a mellorar, restaurar ou rexenerar as paisaxes; e xestionar dende unha perspectiva de uso sostible do territorio mediante iniciativas que guíen as transformacións inducidas polos procesos sociais, económicos e ambientais.

A Estratexia da Paisaxe de Galicia sinala as liñas mestras para o desenvolvemento dos instrumentos propios previstos na Lei da Paisaxe (7/2008, de 7 de xullo).

A Estratexia da Paisaxe desenvolverase a través de tres tipos fundamentais de accións:

  1. Os Instrumentos de Protección, Ordenación e Xestión das Paisaxes
  2. As Estratexias de Integración Paisaxística
  3. A Sensibilización, Formación e Divulgación da paisaxe

 

 


A nova planificación da Estratexia da Paisaxe Galega 2017-2020

A Estratexia da Paisaxe Galega inicia no ano 2017 unha nova fase, tendo o ano 2020 como horizonte de chegada para o alcance dos seus obxectivos. A paisaxe é unha realidade dinámica, en continuo cambio, polo que as políticas que a xestionan deben considerar esta evolución constante e adoptar mecanismos de seguimento que identifiquen os cambios e avalíen a eficiencia e os resultados das políticas adoptadas ata ese momento. Por este motivo, a planificación estratéxica resulta especialmente necesaria na xestión da paisaxe, debido aos cambios estruturais que se producen na paisaxe e á evolución da consideración social da mesma. Ao anterior hai que engadir a necesidade de establecer políticas públicas que incorporen a opinión cidadá, de cara a asentar un modelo de responsabilidade compartida entre administración e cidadanía en relación á paisaxe.

Con estes obxectivos acométese unha nova planificación da Estratexia da Paisaxe Galega. Unha vez superados diversos obxectivos e fitos da fase anterior da estratexia, como a aprobación do Catálogo das paisaxes de Galicia, o novo horizonte vén definido pola continuidade dalgunhas das accións iniciadas nos períodos anteriores, así como pola identificación de novas metas, que xorden dos resultados das etapas anteriores e da evolución do contexto territorial, socioeconómico e institucional, tendo sempre presente o fin último de protección, xestión e ordenación das paisaxes galegas.

Documento/s relacionados
  • Estratexia da Paisaxe Galega Descargar  (824 Kb)
  • Estratexia da Paisaxe Galega. Planificación 2014-2016 Descargar  (11.1 Mb)
  • Estratexia da Paisaxe Galega. Planificación 2017-2020 Descargar  (2.4 Mb)