CMATI

Vostede está en:
|
|
|
Compartir

Guía de Boas Prácticas para a Integración Paisaxística dos Sistemas de Conterización de Residuos Urbanos

Sobre o fundamento que forman o Convenio Europeo da Paisaxe (Consello de Europa, 2000) e a Lei 7/2008, do 7 de xullo, de protección da paisaxe de Galicia, a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda vén avanzando nas políticas de protección, xestión e ordenación das paisaxes de Galicia, atendendo varias frontes, que van desde o desenvolvemento dos instrumentos de planificación previstos na Lei 7/2008 ata ferramentas de concienciación e divulgación, como as que nutren a Colección Paisaxe Galega.

Neste caso abordamos uns elementos imprescindibles para a satisfacción de necesidades individuais e colectivas de primeira magnitude, como son os sistemas para a recollida e xestión dos residuos urbanos, un servizo fundamental para acadar os obxectivos da Economía Circular e a Axenda 2030 para o Desenvolvemento Sostible, cos que está comprometida a Xunta de Galicia.

Nas paisaxes urbanas, pero tamén nas zonas periurbanas e as rurais, todo o relacionado cos residuos domésticos garda unha relación directa e moi importante coa calidade dos espazos públicos, tanto na súa compoñente estética como funcional, de seguridade e de hixiene. A presenza de contedores de lixo constitúe xa un elemento habitual nas paisaxes cotiás, e tanto o deseño dos elementos, como a súa localización e distribución, determinarán uns resultados máis ou menos satisfactorios no que atinxe á calidade da paisaxe.

Non pode ignorarse que en moitos casos o deseño, a situación e a xestión dos contedores son susceptibles de notables melloras, incluso ao nivel do propio sistema de recollida e tratamento. Pero tampouco pode descoñecerse que se trata dunha cuestión complexa, na que interveñen esenciais factores funcionais, en boa medida relacionados co uso dos espazos públicos por parte de peóns e vehículos. E indubidablemente trátase dun servizo público, atendido polos concellos, polo que non poden esquecerse todas as circunstancias de diversa índole que condicionan a prestación deste servizo.

Todas estas cuestións xustifican a elaboración desta guía, coa que se pretenden ofrecer exemplos de boas prácticas e solucións eficientes para os diversos requirimentos e tamén as diferentes realidades territoriais.

Analízanse primeiramente os diferentes sistemas de recollida e de tratamento de residuos, para logo abordar unhas cuestións xerais de integración paisaxística, seguidas de consideracións particularizadas para as contornas urbanas, para as zonas rurais, e tamén para as praias e zonas naturais, así como as zonas históricas, xa que todas estas tipoloxías de paisaxes presentan caracteres diferenciados e requiren, en consecuencia, de solucións específicas. Finalmente, a guía ofrece un abano de boas prácticas documentadas nos correspondentes exemplos.

Como todas as publicacións da Colección Paisaxe Galega, esta guía elabórase coa finalidade de que serva de referencia e axuda, dirixida tanto ás Administracións Públicas, eminentemente os concellos, como aos particulares, para mellorar a consideración da paisaxe en todo tipo de políticas públicas e na utilización e xestión cotiá dos espazos públicos e os elementos que caracterizan e conforman as escenas paisaxísticas nas que nos desenvolvemos todos.

Ángeles Vázquez Mejuto

Conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda