CMATI

Vostede está en:
|
|
|
Compartir

Plan xeral de ordenación municipal (PXOM)

A Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, regula no artigo 60 o procedemento para a aprobación do plan xeral de ordenación municipal, no que está incorporado o proceso de avaliación ambiental estratéxica ordinaria. Comprende as seguintes fases:

1. Solicitude de inicio

O concello promotor do plan trasladará ao órgano ambiental a solicitude de inicio da avaliación ambiental estratéxica ordinaria, un borrador do plan co contido necesario para a súa análise urbanística e o documento inicial estratéxico.

Do documento inicial estratéxico e do borrador do plan deberá remitir cadanseu exemplar en formato papel e dixital, ou ben só dixital con sinatura electrónica. No soporte dixital incluiranse os arquivos en formato PDF con toda a documentación gráfica e escrita, así como a información cartográfica nun formato compatible cos sistemas de información xeográfica (SIX) segundo as instrucións técnicas publicadas na sección “Información cartográfica”.

O órgano ambiental comprobará, no prazo máximo dun mes, que a documentación está completa. De non ser así, solicitará que se acheguen os documentos preceptivos.

2. Consultas previas

O órgano ambiental someterá a documentación completa recibida ás consultas do órgano competente en materia de urbanismo, das demais administracións públicas afectadas e das persoas interesadas, que se pronunciarán no prazo máximo de dous meses. Ao mesmo tempo, o órgano ambiental publicará o borrador do plan e o documento inicial estratéxico na súa sede electrónica para que o público en xeral poda chegar observacións e suxestións. 

Pinche aquí para acceder aos plans que están na fase de consultas previas.

3. Documento de alcance (DA)

No prazo de dous meses a contar dende o efectivo cumprimento dos trámite anteriores, o órgano ambiental formulará o documento de alcance do estudo ambiental estratéxico, no que determinará a amplitude, nivel de detalle e grado de especificación que debería ter o estudo ambiental estratéxico.  

Remitirase ao concello e ao órgano substantivo o documento de alcance, acompañado das contestacións recibidas no período de consultas previas, e farase público na sede electrónica deste órgano ambiental.

4. Estudo ambiental estratéxico (EsAE)

O concello elaborará o estudo ambiental estratéxico atendendo aos criterios contidos no documento de alcance. Tendo en conta o estudo ambiental estratéxico, o concello elaborará a versión inicial do plan.

5. Información pública e consultas

O concello, logo do informe dos servizos técnicos e xurídicos municipais sobre a conformidade do plan coa lexislación vixente, procederá á súa aprobación inicial e someterá o documento a información pública durante un prazo de dous meses, mediante anuncio que se publicará no Dirario Oficial de Galicia e nun dos xornais de maior difusión na provincia.

A documentación sometida a información pública abarcará todos os documentos integrantes do expediente tramitado, incluídos un resumo executivo, o estudo ambiental estratéxico e un resumo non técnico do estudo ambiental estratéxico.

O concello trasladará esta documentación ao órgano competente en materia de urbanismo, o cal realizará as consultas previstas no documento de alcance, dará audiencia aos municipios limítrofes e solicitará os informes sectoriais autonómicos preceptivos, que deberán ser emitidos no prazo de tres meses; transcorrido este, entenderanse emitidos con carácter favorable.

Cumpridos os trámites anteriores, o órgano competente en materia de urbanismo remitirá ao concello o seu resultado, e poderase continuar o procedemento.

O concello deberá solicitar, no momento en que corresponda, os demais informes sectoriais que resulten preceptivos de conformidade coa lexislación vixente.

6. Proposta final do plan

Tendo en conta os informes, observacións e alegacións presentados durante o trámite de información pública e de consultas, o concello modificará, de ser preciso, o estudo ambiental estratéxico e elaborará a proposta final do plan, que remitirá ao órgano ambiental xunto co expediente de avaliación ambiental estratéxica completo constituído por: 

  • o estudo ambiental estratéxico
  • o informe de participación pública e consultas
  • un documento resume que describa como se integraron na proposta final do plan os aspectos ambientais, o estudo ambiental estratéxico, a súa adecuación ao documento de alcance e o resultado das consultas.

O concello remitirá ao órgano ambiental toda a documentación sinalada en formato papel e dixital, ou ben só dixital con sinatura electrónica.

7. Declaración ambiental estratéxica (DAE)

O órgano ambiental, tras realizar a análise técnica do expediente, formulará a declaración ambiental estratéxica no prazo de dous meses a contar dende que recibe a documentación completa.

A DAE publicarase no Diario Oficial de Galicia e na sede electrónica do órgano ambiental (acceder a consulta de plans).

8. Proposta definitiva do plan

O concello incorporará no plan o contido da declaración ambiental estratéxica, introducindo as modificacións que sexan necesarias, elaborará un extracto co contido sinalado no artigo 82 da Lei 2/2016 e indicará as medidas adoptadas para o seguimento dos efectos no ambiente da aplicación do plan.

No caso de que se introducisen modificacións que impliquen un cambio substancial do documento inicialmente aprobado, realizarase un novo trámite de información pública.

Logo do informe dos servizos xurídicos e técnicos municipais respecto da integridade documental do expediente, das actuacións administrativas realizadas e da conformidade do plan coa lexislación vixente, o concello aprobará provisionalmente o plan, coas modificacións que sexan pertinentes. O expediente completo, debidamente dilixenciado, remitirallo á Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo.

9. Aprobación definitiva

  • Concellos con poboación superior a 50.000 habitantes: A consellaría competente en materia de urbanismo, no prazo de tres meses contados desde a entrada do expediente completo no rexistro da consellaría, emitirá informe preceptivo e vinculante as cuestións que especifica a Lei 2/2016 no apartado 15 do seu artigo 60. Transcorrido este prazo sen que se comunicase o informe solicitado, entenderase emitido con carácter favorable e poderá continuar a tramitación do plan. Correspóndelle ao órgano competente municipal a aprobación definitiva do plan.
  • Concellos con poboación igual ou inferior a 50.000 habitantes: A consellaría, no prazo de tres meses, contados desde a entrada do expediente completo no rexistro da consellaría, adoptará motivadamente lgunha das seguintes decisións: aprobar definitivamente o plan nos termos nos que se formula, aprobar definitivamente o plan coas condicións que se xulguen necesarias, aprobar parcialmente o plan, ou non outorgar a aprobación definitiva. O plan xeral entenderase aprobado definitivamente se transcorren tres meses desde a entrada do expediente completo no rexistro do órgano competente sen que este comunicase a resolución, sempre que o plan conteña os documentos e determinacións preceptivos.

10. Publicidade

No prazo dun mes dende a aprobación definitiva do plan xeral, publicarase no Diario Oficial de Galicia o seguinte:

  • O acordo de aprobación definitiva
  • A indicación das medidas adoptadas para o seguimento dos efectos no medio ambiente
  • A referencia ao enderezo electrónico no que figurará o contido íntegro do plan
  • O extracto elaborado con carácter previo á aprobación do documento, que incluirá os seguintes aspectos:
    • A xustificación da integración no plan dos aspectos ambientais.
    • A xustificación de como se tomaron en consideración no plan o estudio ambiental estratéxico, os resultados da información pública e das consultas, a declaración ambiental estratéxica, así como, se é o caso, as discrepancias xurdidas no proceso.
    • As razóns da elección da alternativa seleccionada, en relación coas alternativas consideradas.

Órgano ambiental

Consellería de Medio Ambiente e Ordenación doTerritorio
Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental
Edificio administrativo de San Lázaro s/n
15781 Santiago de Compostela

 

Documento/s relacionados
  • Procedemento de aprobación do plan xeral Descargar
  • Fluxograma do procedemento Descargar
Contacto/s relacionados