CMATI

|
|
|
Compartir

Centros de Recuperación de Fauna

¿Que son os Centros de Recuperación de Fauna? 

Os Centros de Recuperación de Fauna,dependentes da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, teñen por como finalidade o coidado e a recuperación dos exemplares da fauna silvestre autóctona que non estean en condicións de subsistir por si mesmos no medio natural. O seu principal obxectivo é a súa reintegración ao medio natural ou, se isto non é posible, a súa integración en programas de conservación ex situ ou de educación ambiental.

¿Onde están os Centros de Recuperación de Fauna de Galicia?

Na Comunidade Autónoma de Galicia existen catro Centros de Recuperación de Fauna (CRF), un en cada provincia. Cada un deles se encarga da rehabilitación de toda a fauna silvestre enferma ou ferida recollida na súa provincia. As direccións e teléfonos de contacto destes centros son os seguintes:


CRF de Santa Cruz de Oleiros (A Coruña)
Lugar: Santa Cruz de Liáns
Concello: Oleiros
Provincia: A Coruña
Teléfonos de contacto: 881 960405 / 686 597745


CRF do Veral (Lugo)
Lugar: Estrada de Friol s/n
Concello: Lugo
Provincia: Lugo
Teléfonos de contacto: 982 828441 / 649 668923


CRF Alto do Rodicio (Ourense)
Lugar: Alto do Rodicio
Concello: Maceda
Provincia: Ourense
Teléfonos de contacto: 628 358652


CRF de Carballedo (Pontevedra)
Lugar: Chan, s/n. Carballedo
Concello: Cotobade
Provincia: Pontevedra
Teléfonos de contacto: 606 656017


¿Que debemos facer se atopamos un animal silvestre enfermo ou ferido?

Un animal silvestre ferido, enfermo necesita da atención e dos coidados que se lle poden proporcionar nos Centros de Recuperación de Fauna para poder ser reintegrado de novo no medio natural.

No caso de atopar un animal neste estado o primeiro que deberás facer é observar se efectivamente se trata dun animal silvestre e se realmente necesita axuda. A continuación, dá aviso inmediatamente a calquera dos seguintes centros ou servizos de asistencia para que sexa trasladado ao Centro de Recuperación de Fauna correspondente: 

  • Ao Centro de Recuperación de Fauna da túa provincia
  • Ao Servizo de Patrimonio Natural da Xefatura Territorial da Consellería da túa provincia
  • Ao Servizo de Protección da Natureza (SEPRONA) da Garda Civil. Tel.: 062
  • Ao Servizo de Protección Civil Municipal no teu Concello
  • Ao Centro de Atención de Emerxencias de Galicia. Tel.: 112

Anota todos os datos que poidas do punto de recollida exacto (a localización, lugar, concello, etc...), a hora na que o atopaches e o estado do animal no momento da recollida. É moi importante que entregues toda esta información escrita á persoa que o recolla para que os expertos poidan aplicar o tratamento correcto, e sobre todo para que sexa devolto ao seu punto de orixe cando estea restablecido.


¿Como prestar axuda a un animal silvestre ferido?

Ten en conta que os animais silvestres poden reaccionar de xeito nervioso ou incluso agresivo, ben por medo ben pola dor, polo que o máis recomendable é agardar a que sexan recollidos ou atendidos por persoal especializado.

En caso de urxencia ou de ser necesario actuar, recoméndase non tocalos sen o uso dunha manta ou peza de tela grosa que nos protexa de posibles lesións ou da transmisión de posibles enfermidades.

Deberás colocarte sempre ás súas costas para envolvelo para así manterte afastado do alcance das súas patas, boca ou pico.

Se non estás seguro non intentes collelo, xa que poderías facerte dano e/ou mancar o animal. Neste caso, agarda xunto ao animal polo servizo de asistencia.


¿Como actuar tras recoller un animal silvestre enfermo ou ferido?

Se xa colliches o animal e está esperando polo servizo de asistencia para o seu transporte, segue os seguintes pasos:

  1. Introduce ao animal nunha caixa de cartón adecuada ao seu tamaño e con buratos para que poida respirar.
  2. Unha vez que o teñas dentro da caixa, retira a manta coa que o colliches.
  3. Non lle poñas auga nin comida.
  4. Non introduzas na caixa palla ou outros materiais que puidesen ensuciar as súas feridas.
  5. Manteno nun lugar illado do ruído e da xente e con pouca luz, tal como un cuarto escuro, fóra das estancias da casa e do alcance doutros animais ou persoas.
  6. Lava ben as mans despois de manipular o animal.

Recorda que baixo ningún concepto poderás quedar en posesión do animal, xa que iso supón, ademais dun grave prexuízo para o mesmo, unha infracción á Lei 5/2019, do 2 de agosto, de patrimonio natural e da biodiversidade de Galicia.

Documento/s relacionados
  • ¿Qué funcións teñen os Centros de Recuperación de Fauna? Descargar
  • ¿Qué ocorre cando un animal ingresa nun Centro de Recuperación de Fauna? Descargar