CMATI

|
|
|
Compartir

O Catálogo galego de árbores senlleiras

¿Que se considera unha árbore ou unha formación senlleira?
Con independencia das medidas establecidas para a protección de especies ou unidades taxonómicas como tales, a conservación da nosa biodiversidade vexetal pasa tamén pola protección daqueles exemplares concretos ou rodais de árbores que polas súas características extraordinarias ou destacables (tamaño, idade, significación histórica ou cultural, rareza, beleza, etc.) son consideradas reliquias botánicas obxecto de respecto veciñal e con valor científico, cultural, didáctico, paisaxístico ou ornamental. Estes exemplares singulares representan un valioso legado e un valor natural na medida en que se trata de elementos que subsistiron aos rigores dos tempos ou que contan cunhas particularidades especiais.

A Xunta de Galicia deu un importante paso na protección deste particular patrimonio natural coa creación e regulación do Catálogo galego de árbores senlleiras, a través do Decreto 67/2007, do 22 de marzo. Este Decreto estableceu o réxime xurídico básico para as árbores e formacións que se inclúan no dito catálogo, coa finalidade de protexelas de posibles riscos e ameazas, garantindo así a súa conservación.

Polo tanto, terán consideración de senlleiras as árbores ou as formacións de calquera especie, tanto autóctona como foránea, situadas en terreos de propiedade pública ou privada, que sexan merecedoras de medidas específicas de protección en atención ás excepcionais características do seu porte, dendrometría, idade, rareza, significación histórica ou cultural, interese científico, educativo, estético, paisaxístico ou calquera outra circunstancia que as faga merecedoras dunha especial protección.

Recentemente, ese decreto foi modificado polo Decreto 10/2015, do 22 de xaneiro, polo que se modifica o Decreto 67/2007, do 22 de marzo, polo que se regula o Catálogo galego de árbores senlleiras.

¿Que criterios se siguen á hora de seleccionar os exemplares ou formacións senlleiras?
A selección de árbores ou formación a incluir no Catálogo galego de árbores senlleiras realizase no marco do procedemento de catalogación definido no Decreto 10/2015, seguindo uns criterios básicos que teñen como obxectivo avaliar as características anteriormente indicadas (idade dos exemplares, relevancia cultural, valor estético, rareza na súa situación ou na súa distribución, etc.). Segundo os métodos o máis obxectivos posibles, estes criterios son establecidos e aplicados por un órgano consultivo de expertos, denominado Comité das Árbores Senlleiras, o cal foi creado no Decreto 67/2007, que informa á Administración previamente á catalogación dos exemplares.

Por exemplo, algún dos criterios utilizados á hora de avaliar o carácter monumental dos exemplares propostos, así como os descritores ou indicadores asociados a eles, son:

  • Criterios dendrométricos: indicadores como o grosor á altura normal (1,30 m), a altura total, a altura do fuste, o perímetro de tronco ou o diámetro de copa e a idade.
  • Criterios biolóxicos e ecolóxicos: indicadores como o grao de rareza na bisbarra, se está ou non presente no límite da súa distribución natural, se presenta un porte non propio da especie, se está presente nun hábitat excepcional ou se pertence a un conxunto excepcional de árbores.
  • Criterios estéticos: indicadores como a beleza de porte do exemplar ou a súa coloración.
  • Criterios históricos e tradicionais (criterios culturais): algúns dos indicadores utilizados neste punto son se o exemplar está ou non asociado a un feito histórico ou cultural ou se está situado nun edificio histórico.
  • Criterios de situación: se pertence a unha paisaxe sobresaínte ou ben se está localizado nun lugar non habitual.


¿Que implica a catalogación?
As árbores e formacións singulares que se inclúan no catálogo considéranse protexidas para todos os efectos, o que implica a prohibición de calquera acción que poida afectar negativamente á súa integridade, á súa saúde e á súa aparencia. Estes exemplares serán posuidores dunha protección legal que tamén afectará ao seu ámbito inmediato, e os propietarios, en caso de habelos, terán axuda oficial para coidalos. Esta liña de conservación supera no seu ámbito de acción o campo estritamente biolóxico, ao incorporar o valor antropolóxico desde o punto de vista da estética e a sensibilidade do pobo ao seu contorno.

Cabe dicir que todos aqueles proxectos que poidan ameazar os valores de árbores ou formacións catalogadas necesitarán autorización administrativa previa da Dirección Xeral de Conservación da Natureza da Xunta de Galicia. Así mesmo, elaboraranse plans de xestión encamiñados á súa conservación no caso de que o estado dos exemplares o requiran.

¿Como solicitar a catalogación dun exemplar ou formación?
O Catálogo de árbores senlleiras está reservado a uns poucos exemplares ou formacións que, como se comentou, reunen unhas características moi saliantables. Por elo, previamente a presentar unha solicitude o interesado debe de asegurarse de que o candidato presenta estes valores. Poden solicitar a catalogación aquelas persoas propietarias das árbores ou formacións, outras administracións públicas, centros de investigación ou asociacións de entidades privadas ou públicas que teñan entre os seus fins estatutarios a protección da natureza, mediante a presentación do correspondente modelo de solicitude acompañado dunha memoria xustificativa e de toda a información adicional da súa condición de senlleiro.

Documento/s relacionados