CMATI

|
|
|
Compartir

Programa de especies ameazadas

O programa de conservación de especies ameazadas ten por finalidade conseguir a supervivencia sustentable a longo prazo no medio silvestre das especies de plantas e de animais que pola evolución das súas poboacións se atopan actualmente baixo ameaza de extinción na nosa Comunidade Autónoma.

A pesar de que desde hai décadas se ten constancia do declive de determinados taxons da nosa flora e fauna, chegando mesmo á desaparición dalgún deles, non foi ata o ano 2007 cando se aproba na nosa Comunidade Autónoma o Decreto 88/2007, que regula o Catálogo galego de especies ameazadas. Este decreto dá resposta á preocupación cada vez maior pola situación da nosa fauna e flora e constitúe o instrumento xurídico que serve de marco para o desenvolvemento, por parte da Administración, das liñas de acción dirixidas á conservación dos taxons que, estando ameazados, requiran medidas específicas e excepcionais de protección e conservación en Galicia.

A nova Lei 42/2007, do 13 de decembro, do patrimonio natural e da biodiversidade, contempla o Catálogo español de especies ameazadas e faculta as Comunidades Autónomas para establecer catálogos nos seus respectivos ámbitos territoriais.

A Comunidade de Galicia, pola súa parte, ten competencias exclusivas para establecer normas de protección do medio ambiente e a paisaxe. Neste contexto, co obxecto de aplicar medidas específicas de protección para as especies ameazadas, a Lei 9/2001, de conservación da natureza de Galicia, creou o Catálogo galego de especies ameazadas (DOG, 2001), que foi posteriormente desenvolvido polo Decreto 88/2007, do 19 de abril (DOG, 2007).

¿Que se está a facer?

Na actualidade, o programa de especies ameazadas contempla as seguintes liñas de traballo:

1) Seguimento de especies:

  • Implantación de redes de seguimento
  • Seguimentos específicos de especies catalogadas

2) Catalogación de especies:

  • Procedementos de catalogación, descatalogación a cambio de categoría

3) Plans de conservación e de recuperación de especies ameazadas:

  • Elaboración de plans
  • Desenvolvemento de accións contempladas nos plans aprobados

4) Proxectos de conservación e de recuperación de especies ameazadas

  • Life+ Margal Ulla
  • Proxecto LIFE Oso Courel

5) Normas de protección de especies

  • Autorización de excepcións ás normas de protección
  • Seguimento das autorizacións emitidas

6) Divulgación e información

Documento/s relacionados
  • Caderno divulgativo "Flora endémica ameazada de Galicia" Descargar
  • Cartaz "Flora endémica ameazada de Galicia". Dunas e costas Descargar
  • Cartaz "Flora endémica ameazada de Galicia". Acantilados Descargar
  • Cartaz "Flora endémica ameazada de Galicia". Serras interiores Descargar
  • Cartaz "Flora endémica ameazada de Galicia". Áreas de montaña Descargar