CMATI

|
|
|
Compartir

Caranguexo de río (Austropotamobius pallipes)

Descrición

Trátase do único caranguexo de río autóctono da península Ibérica. É de cor verdosa ou abrancazada. Ten o corpo aplanado dorsoventralmente. Pode chegar a medir uns 10 cm de longo, sen contar as pinzas, que son dous apéndices modificados presentes na parte anterior do corpo, chamado cefalotórax, onde aparecen dous sucos ben marcados. Vida completamente acuática. É unha especie que foxe da luz, omnívora, con marcada predilección carnívora e detritívora, feito que a fai especialmente importante como especie limpadora das augas dos nosos ríos.

Reprodución

Presenta un crecemento lento por mudas. Pode falarse dunha posta de 1 a 19 ovos por femia e ano, que unha vez fecundados son coidados e osixenados no abdome materno. A madurez sexual conséguese ao segundo e terceiro ano de idade.

Hábitat

Vive en charcas, regatos de augas frescas (de 10 a 15 graos centígrados), pouco profundas, de pH lixeiramente alcalino (nunca pH < 6), e ricas en calcio. Tamén poden adaptarse a augas estancadas sempre que estas presenten un alto contido en osíxeno.

Distribución

Endemismo do O-SO europeo, cunha distribución en España ligada a ambientes calcarios, onde selecciona tramos de escasa corrente e con presenza de refuxios como bloques, noiros para escavar galerías e vexetación de ribeira. En Galicia aparece distribuído en pequenas poboacións dispersas nas provincias de Lugo e Ourense.

Estado de conservación

Os problemas para a súa conservación son varios: o principal causante do enorme declive das súas poboacións é o fungo Aphanomices astaci (pode manterse en forma latente incrementando a súa virulencia), que provoca a afanamicose. As especies exóticas introducidas, como o cangrexo de río americano (Procambarus clarkii), máis resistentes fronte a esa doenza, poden actuar como posibles vectores de dispersión da enfermidade.

A dragaxe dos ríos e regatos, as canalizacións e a construción de encoros tamén constitúen importantes factores que destrúen o seu hábitat. Por último, a contaminación con vertidos orgánicos e deterxentes, así como a pesca furtiva, ameazan enormemente a as reducidísimas poboacións existentes, que se caracterizan por unha grave falta de renovación do material xenético.

Categoría de conservación

En perigo de extinción.

Subir