CMATI

|
|
|
Compartir

Gomphus graslini (Gomphus graslini)

Descrición

O corpo desta libélula é de tons escuros con manchas amarelas e ten uns enormes ollos gris-verdosos bastante separados entre si, de aspecto globoso. Ten o corpo de cor amarela, cunha serie de liñas negras moi marcadas no tórax. Abdome negro con faixa dorsal amarela. As patas son negras con dúas liñas amarelas ata o fémur. É unha excelente voadora, de actividade diúrna e que caza as súas presas (outros insectos acuáticos) mentres voa axudándose das súas patas e da súa prodixiosa vista.

Reprodución

Como todas as libélulas, o seu ritual de apareamento é moi complexo, pois o macho suxeita a femia por detrás da cabeza cuns apéndices terminais do seu abdome, e así voan un tempo ata que o macho se pousa nunha galla dunha planta calquera. Entón, a femia revírase ata colocar o seu orificio xenital en contacto co órgano copulador masculino, realizándose así a fecundación dos ovos. Esta maneira tan particular de axuntamento recibe o nome de tándem.


As larvas, chamadas ninfas, teñen vida completamente acuática, e son voraces predadores de invertebrados acuáticos e incluso de larvas de anfibios e peixes.

Hábitat

Reside en zonas de ríos e regatos de leitos que non superen os 4 m de ancho, en treitos de velocidade media das augas, e sobre todo con fondos terrosos. Vive nas zonas de solaina e busca acubillo na profunda vexetación de ribeira.

Distribución

Distribuída tan só no S de Francia e cunhas poucas poboacións dispersas no O da península Ibérica. Semella estar asociada a augas máis ben lentas, en leitos con marxes sombreadas pola vexetación pero co centro soleado. Unha única poboación en Galicia (na provincia de Ourense), sen que se coñeza o número de individuos que a compoñen.

Estado de conservación

Os principais factores de ameaza en Galicia son a contaminación das augas e a variación do réxime hídrico dos ríos.

Categoría de conservación

En perigo de extinción.

Nome común Gomphus graslini Nome científico Gomphus graslini Clase Artrópodos Familia Gomphidae

Documento/s relacionados
Subir