CMATI

|
|
|
Compartir

Macromia splendens (Macromia splendens)

Descrición

O corpo desta libélula é de tons escuros con manchas amarelas e ten uns enormes ollos verdes. Trátase dunha das máis grandes de Europa, pois chega a medir uns 70 mm de lonxitude. As súas patas son tamén bastante longas. É unha excelente voadora, de actividade diúrna e que caza as súas presas (outros insectos acuáticos) mentres voa axudándose das súas patas e da súa prodixiosa vista.

Reprodución

Como todas as libélulas, o seu ritual de apareamento é moi complexo, pois o macho suxeita a femia por detrás da cabeza cuns apéndices terminais do seu abdome, e así voan un tempo ata que o macho se pousa nunha galla dunha planta calquera. Entón, a femia revírase ata colocar o seu orificio xenital en contacto co órgano copulador masculino, realizándose así a fecundación dos ovos. Esta maneira tan particular de axuntamento recibe o nome de tándem.

As larvas, chamadas ninfas, teñen vida completamente acuática, e son voraces predadores de invertebrados acuáticos e incluso de larvas de anfibios e peixes.

Hábitat

Reside en ríos anchos e algo profundos (de entre 5 e 6 m de profundidade), e sobre todo nos treitos lentos onde se acumulen os sedimentos e creza adecuadamente a vexetación acuática. Vive nas zonas de solaina cunha profunda vexetación de ribeira.

Distribución

Distribuída exclusivamente no S de Francia e na península Ibérica, onde se considera unha especie rara con poboacións illadas. Coñécense nove poboacións nas catro provincias galegas, asociadas aos tramos lentos con vexetación acuática de ríos anchos e relativamente profundos. Non se cuantificou con exactitude o número de exemplares que compoñen esas poboacións, debido á dificultade de detección dos individuos adultos.

Estado de conservación

Os principais factores de ameaza para a conservación desta especie en Galicia son a contaminación das augas, a destrución da vexetación de ribeira e a variación do réxime hídrico dos ríos.

Categoría de conservación

En perigo de extinción.

Nome común Macromia splendens Nome científico Macromia splendens Clase Artrópodos Familia Corduliidae

Documento/s relacionados
Subir