CMATI

|
|
|
Compartir

Cerceta (Poboación nidificante) (Anas crecca)

Descrición

Pato de pequeno tamaño, con marcado dimorfismo sexual. O macho presenta unha cabeza arroibada con banda ocular verde que se prolonga ata a noca e ten uns bordos de cor branca ou crema. O peito é cremoso, con finas manchas. Dorso e costados agrisados, ventre de cor branca. No costado resalta unha franxa verde e negra, así como unha mancha amarela na popa. Patas e bico agrisados.

A femia, como todas as pertencentes a esta familia, presenta crípticas cores pardas.

Reprodución

Crían no chan, entre a densa vexetación, sempre preto da auga. En abril-maio a femia incuba de 8 a 10 ovos.

Presenta moi poucos lugares de reprodución regular na península Ibérica, todos eles zonas húmidas con densa cobertura vexetal. Entre estes lugares encóntranse as ribeiras do Louro (Pontevedra), onde crían menos de 5 parellas. A especie foi máis frecuente en décadas anteriores, pero o proceso de colmatación do lago ou achegas de materiais externos reduciu sensiblemente a superficie encharcable, prexudicando notablemente esta anátida. Ocasionalmente, 1-2 parellas reproducíronse noutras zonas húmidas galegas (lagoas de Cospeito e Louro).

Alimentación

A súa dieta baséase en materia vexetal palustre e tamén en moluscos, insectos, crustáceos e incluso anfibios.

Hábitat

Prefire os estuarios, lagoas e encoros de interior. É frecuente tamén en certas das nosas rías.

Distribución

No país cría só nun lugar da provincia de Pontevedra, moi acosado pola presión industrial. Nos meses de outono e inverno chegan bastantes individuos procedentes de Europa nos seus desprazamentos migratorios.

Estado de conservación

A principal ameaza de conservación en Galicia é a degradación do hábitat de cría, consecuencia da deterioración xeral das zonas húmidas.

Categoría de conservación

En perigo de extinción.

Nome común Cerceta (Poboación nidificante) Nome científico Anas crecca Clase Aves Familia Anatidae

Documento/s relacionados
Subir