CMATI

|
|
|
Compartir

Aguia real (Aquila chrysaetos)

Descrición

A máis maxestosa das nosas aves de rapina. Enorme e poderosa, de longas ás, anchas e rectangulares, con matices claros na súa parte inferior. En xeral, é de cor parda escura, aínda que a cabeza, o pescozo e as cobertoras alares presentan plumas arroibadas.

Reprodución

Fai o seu niño en cavidades e ocos en paredes verticais a grande altura. En marzo-maio incuban dous ovos, aínda que o normal é que sobreviva só un deles.

Menos de 10 parellas reprodutoras en Galicia.

Alimentación

Aliméntase de pequenos mamíferos, aves e réptiles.

Hábitat

Especie asociada a hábitats rupícolas, encóntrase en declive en toda a cordilleira Cantábrica. En Galicia preséntase tan só nas serras sudorientais, especialmente na provincia de Ourense, onde selecciona rexións montañosas con paisaxes abertas.

Distribución

No país cría na zona leste da provincia de Ourense, limítrofe con Castela e León, e tamén no Parque Natural do Xurés (territorio veciño ao Parque Nacional da Peneda-Gerês de Portugal).

Estado de conservación

As principais ameazas de conservación son a persecución directa (disparo, cebos envelenados, espolio de niños, etc.), as molestias e a perda de hábitat favorable. Porén, non se deben esquecer os posibles efectos da mortalidade en liñas eléctricas e parques eólicos.

Categoría de conservación

En perigo de extinción.

Nome común Aguia real Nome científico Aquila chrysaetos Clase Aves Familia Accipitridae

Documento/s relacionados
Subir