CMATI

|
|
|
Compartir

Tartaruga de coiro (Dermochelys coriacea)

Descrición

Trátase dunha tartaruga mariña de cor negra, ás veces mesmo azulada, con pequenas manchas brancas que percorren toda a parte dorsal, cabeza, pescozo e aletas. É o sapoconcho máis grande do mundo e un dos maiores réptiles en vida. Os máis grandes exemplares poden ter unha lonxitude total de 2,5 m e conseguir un peso de media tonelada. A súa principal característica é a ausencia de placas, escamas ou uñas na súa cobertura, que é alongada (alcanza incluso os 1,8 m), algo ancha pola parte dianteira e estreita pola posterior. Está protexida por unha pel ríxida e grosa, semellante ao coiro.

Ten unha cabeza grande e forte. As aletas dianteiras son moi potentes, con tres metros de envergadura. Non teñen uñas e a cola é bastante curta.

Reprodución

O período de cría nas nosas augas abarca de abril a xullo. As praias onde fan as postas adoitan ser moi abertas e sen rochas. As femias escavan un burato dun metro de profundidade onde poñen entre 60 e 130 ovos, e non volve criar en dous ou tres anos. As pequenas tartarugas saen do ovo ao cabo de dous meses.

Alimentación

Por motivo das súas fortes mandíbulas pode consumir presas con cascas resistentes, como crustáceos (cangrexos, camaróns, gambas...), estrelas de mar, ourizos de mar, caracois, ameixas, mexillóns, peixes, medusas e incluso algas.

Hábitat

É a máis mariña das tartarugas, e de hábitos claramente peláxicos, é dicir, de augas moi abertas e afastadas da costa.

Distribución

Especie cosmopolita, de hábitos fundamentalmente peláxicos, e que se reproduce en rexións tropicais. O seu principal hábitat son as augas oceánicas, onde se alimenta fundamentalmente de invertebrados planctónicos e medusas. Aparece regularmente nas costas de Galicia, é o sapoconcho mariño máis frecuente nas nosas costas xunto con Caretta caretta.

Estado de conservación

A principal ameaza para a conservación en Galicia son as capturas accidentais en artes de pesca e a contaminación mariña (materiais artificiais como plásticos que flotan no mar e son inxeridos pola semellanza coas medusas).

Categoría de conservación

En perigo de extinción.

Nome común Tartaruga de coiro Nome científico Dermochelys coriacea Clase Réptiles Familia Dermochelydae

Documento/s relacionados
Subir