CMATI

|
|
|
Compartir

Visón americano (Mustela vison)

Descrición

É un mustélido de pequeno tamaño (entre 680 e 1.800 g de peso) pero bastante agresivo, de aspecto moi similar ao visón europeo. Na súa pelaxe marrón escura destaca unha mancha branca no labio inferior.

Reprodución

Cría unha vez ao ano, entre marzo e xullo. Despois dun período de xestación que pode durar de 49 a 79 días, pare de 2 a 7 crías que aleita durante 2 meses. A lonxevidade máxima é de 4-5 anos. O visón americano, de maior tamaño que o europeo, ten camadas máis numerosas e, entrando en celo antes que o visón europeo, pode aparearse coas femias deste último producindo un embrión inviable, co cal altera o fluxo xénico na poboación nativa, xa que as femias xa non volven copular.

Alimentación

Aliméntase de crustáceos, peixes, anfibios e pequenos mamíferos, algún deles especies protexidas como o cangrexo de río autóctono (Austropotamobius pallipes) ou o desmán dos Pireneos (Galemys pyrenaicus).

Hábitat

A poboación silvestre de visón americano en Galicia ocupa preferentemente ecosistemas acuáticos ou semiacuáticos.

Distribución

A existencia da especie en Galicia data xa dos anos sesenta, aínda que non foi ata 1986 cando se realiza o primeiro estudo detallado sobre a distribución do visón no noso territorio. A poboación silvestre de visón americano en Galicia ocupa preferentemente ecosistemas acuáticos, e atópase así mesmo dividida en dúas subpoboacións: unha no sueste de Pontevedra e outra na cunca do río Mero (A Coruña), esta última cunha orixe precisa: o ano 1984, a causa dos efectos do ciclón Hortensia. A área de distribución desta especie en Galicia aumentou considerablemente nos últimos anos, xa que aquí atopa un hábitat idóneo para establecerse: existencia dunha ampla rede fluvial orlada con ripisilvas máis ou menos ben conservadas e elevada diversidade e abundancia de recursos tróficos potenciais (peixes, anfibios, mamíferos). As granxas peleteiras onde se criaba este mustélido foron as responsables da súa introdución e a súa expansión na nosa xeografía.

Nome común
Visón americano
Nome científico
Mustela vison
Clase
Mamíferos
Familia
Mustelidae

Documento/s relacionados
Subir