CMATI

|
|
|
Compartir

Acacia, alcacia, mimosa (Acacia dealbata)

Descrición

Árbore perennifolia de ata 20 m, con cortiza lisa ou algo gretada de cor grisácea. Follas compostas bipinnadas, con 10-26 pares de pinnas cunha glándula no eixe de cada par. As pinnas teñen numerosos folíolos pequenos, lineares, de 5 mm. Inflorescencia en glomérulos globosos que, pola súa vez, se dispoñen en acios. As flores son de cor amarela intensa, olorosas. O froito é un legume de 5-8 cm, comprimido, cunha ducia de sementes elipsoidais de 4-5 mm.


Lugar de proveniencia
Sueste de Australia e Tasmania.


Propagación

Rexenérase facilmente a partir de sementes e tamén por reabrollamento tras corta ou incendio. As sementes son resistentes e forman un banco que pode permanecer no solo durante un longo período de tempo, e xermolar tras un incendio ou unha perturbación.


Comportamento e problemática

Especie moi estendida con gran capacidade de invasión en diferentes lugares do mundo; ocupa amplas zonas, creando un horizonte monoespecífico. Ten un alto potencial alelopático que dificulta a xermolación doutras especies. Ademais, parece clara a súa vocación pirófita, xa que o incendio favorece a xerminación das sementes e o reabrollamento. É unha invasora contrastada en diferentes lugares do mundo. Na península Ibérica aparece principalmente en Galicia e no norte de Portugal.


Introdución
Uso ornamental e, en menor medida, para explotación forestal. Tamén se utilizou para fixar noiros ou como especie melífera. Aínda que probablemente se introduciu moito antes, as primeiras citas da especie naturalizada en Galicia son de 1945.


Hábitats en que aparece
Tanto en comunidades alteradas de cunetas e solos espidos como en hábitats forestais e preforestais. Pode desenvolverse sobre solos pouco profundos e tolera un certo grao de humidade edáfica.


Distribución en Galicia
Toda a xeografía galega, sobre todo nas zonas térmicas, costa de Pontevedra ou vales ourensáns. É moi frecuente na Guarda, na contorna de Santiago de Compostela, en Padrón, etc. En Ourense vese nas marxes do Sil, Limia e outros vales fluviais. Noutras zonas ten unha presenza máis puntual.


Outras especies

Acacia melanoxylon R. Br. diferénciase por ter follas adultas reducidas a filodios enteiros, laminares, e está estendida tamén en Galicia, co mesmo potencial invasor que A. dealbata. Citouse, así mesmo, A. longifolia (Andrews) Willd. en Galicia, con flores tetrámeras en glomérulos esféricos, presente nas illas Cíes, A Lanzada e outras zonas das Rías Baixas. A. mearnsii De Wild. diferénciase de A. dealbata por ter dúas glándulas no raquis baixo cada par de pinnas, por unha de A. dealbata. Está presente en Cangas (Pontevedra). Tamén se citou A. decurrens (J. C. Wendl.) Willd. de Padrón. Paraserianthes lophantha (Willd.) I. Nielsen [= Albizia lophantha (Willd.) Benth. = Albizia distachya aparece en diferentes localidades costeiras dende A Guarda ata Ferrol, en zonas alteradas pero con clara vocación invasora, como se describiu noutros lugares do mundo.


Mecanismos de control


Control mecánico
O control mecánico non é unha alternativa moi eficaz para a erradicación desta especie. Para eliminar poboacións constituídas por individuos xuvenís, tradicionalmente recoméndanse actuacións con tractores, como a rozadura por cadeas ou o arranque de individuos. Porén, o uso de maquinaria pesada provoca unha evidente perturbación no medio, e o seu uso deberíase restrinxir a zonas xa alteradas. Por outra parte, recentes estudos levados a cabo en Portugal para avaliar estas técnicas indican que o seu éxito é moi relativo, pois ata nun 50% dos casos prodúcese o reabrollamento dos individuos, algo que, ademais, pode ocorrer transcorrido un longo período de tempo. Esa capacidade de reabrollamento non vai ser sempre a mesma, xa que depende do nivel de tensión ao que estea sometida a poboación e das especies de plantas por que se atope rodeada. Para evitar isto, recoméndase deixar algúns individuos na zona, o que vai inhibir o reabrollamento das árbores veciñas. Ademais, observouse que, tras eliminar mecanicamente poboacións de acacia, se produce un forte proceso de xermolación do banco de sementes. Isto, por unha banda, mingua o devandito banco, pero, por outra parte, obriga a un seguimento exhaustivo da zona para evitar a repoboación.


Control químico

Existen moitas posibilidades de levar a cabo este control, e que van depender do tamaño da árbore. Contra individuos de troncos de ata 15 cm débese pulverizar a base da planta ata os 30 cm, podendo chegar a unha altura superior en árbores de maior tamaño. Outra posibilidade é cortar o tronco e aplicar o máis axiña posible (15 segundos) herbicidas contra o reabrollamento de tocos. Por último, nalgúns casos pódese tratar de lle aplicar herbicidas ao solo nas proximidades do tronco. Para eliminar plántulas e chupóns, resultaron efectivos tratamentos de triclopir ou clopiralida. Para unha maior eficacia, débese aplicar un tratamento foliar durante o período de maior crecemento da planta.

Control biolóxico

Numerosas especies de acacias foron ou están sendo obxecto de plans de control biolóxico en Sudáfrica. Os axentes que máis se utilizan son:

Eliminadores de semente como Melanterius servulus, Melanterius ventralis, Melanterius maculatus, Melanterius acaciae. As larvas destes gurgullos aliméntanse das sementes que as árbores están producindo, chegando a destruír ata un 90% delas. Así poderíase eliminar o banco de semente coa certeza de que non se rexenerará. Tamén se reduce a aparición de novos individuos e evitarase a dispersión da planta a zonas non invadidas.
Avespas formadoras de bugallos nas flores: Trichilogaster acaciaelongifoliae. Esta avespa deposita os ovos nos abrochos que darán lugar a bugallos en vez de a inflorescencias típicas. Os bugallos teñen unha forte demanda de nutrientes, polo que non só a rama con bugallos se ve privada de recursos enerxéticos, senón que toda a planta vai sufrir unha carencia de elementos básicos. Como consecuencia, o número de sementes producidas nas ramas tamén vai descender, véndose reducida ata nun 90%. Froito da carencia de nutrientes, e dependendo do nivel de infección, ata é posible que se produzan outros efectos como a caída das follas ou a morte dos apéndices de crecemento.
Fungos formadores de bugallos: Uromycladium tepperianum. Este fungo produce bugallos tanto nas flores como nas follas ou abrochos, que finalmente secan. Cando a infección se fai máis severa, a planta termina por morrer. A utilización deste axente contra Acacia saligna tivo como resultado unha redución dun 95% da densidade desta árbore en 15 anos.


Bibliografía
Bellot, 1945: 80; Parsons & Cuthbertson, 1992; Anon. 2000; Sanz Elorza et al., 2004: 44-51; Gómez Vigide et al., 2005: 60.

Nome comúnAcacia, alcacia, mimosaNome científicoAcacia dealbataClasePlantas superioresFamiliaLeguminosae

Documento/s relacionados
Subir