CMATI

|
|
|
Compartir

Herba da Pampa, carrizo da Pampa (Cortaderia selloana)

Descrición

Hemicriptófi to de ata 2 metros. Follas cintadas, ásperas, de ata 1,8 m de longo e 3-8 cm de ancho. Cor glauca. Inflorescencia branco-grisácea ou lixeiramente purpúrea en panícula de 60 x 15 cm, con numerosas espiguiñas moi pequenas con 3-6 fl ores. Glumas brancas, lema híspida, arestada. Planta dioica, con espécimes femininos e outros masculinos ou hermafroditas. A inflorescencia feminina ten un maior valor ornamental. Sementes das plantas femininas con longos e finos pelos para a dispersión aérea. As sementes das plantas hermafroditas carecen destes pelos.


Lugar de procedencia
América do Sur: Chile, Arxentina, Brasil, Uruguai.


Propagación
Esta especie propágase principalmente de a partir dos miles de sementes que pode producir cada planta feminina, e que son dispersadas a longa distancia polo vento. Propágase ademais de forma vexetativa pola fragmentación da cepa..


Comportamiento e problemática

Está considerada como invasora en zonas alteradas e, en ocasións, en comunidades seminaturais e naturais. Ten capacidade de modificación do hábitat pola importancia da súa estrutura vexetativa e é posible que se trate dunha especie pirófita e colabore coa propagación de incendios e colonización despois do lume. Aparece como invasora en diversas partes do mundo, e na Península distribúese principalmente na costa Cantábrica e no norte da costa Mediterránea. Considérase como unha das 20 especies exóticas invasoras máis daniñas presentes en España..


Introdución

Introducida polo seu uso ornamental, séguese utilizando normalmente en xardinaría e como barreira visual en autoestradas. En Galicia as citas como naturalizada son moi recentes, de arredor de 1980.


Hábitats en que aparece
Moi abundante en hábitats alterados como os noiros das autoestradas. A partir destas zonas aparece en matogueiras, pasteiros ou sotobosques próximos, así como en hábitats costeiros, areais algo alterados ou marxes de zonas húmidas. Tamén se dá en zonas ruderais e en zonas próximas a poboacións existentes alteradas por incendios ou outras perturbacións.


Distribución en Galicia
A súa expansión en Galicia é recente, sobre todo pola zona costeira desde Tui ata Ribadeo. Por outras zonas está presente, aínda que máis raramente naturalizada. As áreas principais son as proximidades das cidades principais e o eixe da autoestrada do Atlántico (AP-9).


Mecanismos de control


Control mecánico
O arranque manual é unha opción para o control desta especie, aínda que só sexa aplicable a pequenas plántulas. Para arrancar individuos adultos será necesario utilizar maquinaria e deberase retirar o rizoma para evitar o reabrollamento, o que tamén dificulta o proceso. No caso de utilizar esta técnica, hai que ter en conta dúas consideracións: por unha parte, os operarios deben ir protexidos, xa que os bordos serrados das follas poden causar lesións. Por outra, non se deben deixar as plantas arrancadas no terreo, xa que en condicións de humidade axeitadas estas poderían enraizar de novo. Esta técnica vai necesitar dun grande investimento en tempo e persoal.


Control químico
Esta planta pódese controlar con tratamentos con herbicidas que conteñan glifosato (36%) diluídos a un 2%. As plantas deben ser pulverizadas con aplicacións puntuais ata que se atopen empapadas, pero evitando que cheguen a chorrear. Con estes tratamentos conseguiuse un control de ata un 90% o primeiro ano. A adición de surfactantes non iónicos eleva a eficacia do tratamento. De todos os xeitos, dado o gran porte que pode acadar esta planta, é difícil realizar unha aplicación realmente puntual. Os individuos adultos van acadar dous metros de altura e, polo tanto, a súa pulverización pode ter como consecuencia a deriva do herbicida, o que lles causaría danos ás plantas nativas.

Non obstante, esta sensibilidade ao glifosato podería ser utilizada en combinación co control mecánico para evitar o reabrollamento, de tal maneira que se podería rozar unha poboación para, seguidamente, aplicar dunha maneira puntual o herbicida contra as plantas de pequeno porte.


Control biolóxico
Na actualidade non existe ningún axente contra esta planta, pero considérase que o enfoque máis adecuado é centrar as investigacións no descubrimento de cepas agresivas e específicas de Fusarium.


Bibliografía
González, 1988: 31; Madison, 1992; Sanz Elorza et al., 2004; Domingues & Freitas, 2002; Froude, 2002.

Nome común
Herba da Pampa, carrizo da Pampa
Nome científico
Cortaderia selloana
Clase
Plantas superiores
Familia
Poaceae

Documento/s relacionados
Subir