CMATI

|
|
|
Compartir

Herba carmín, herba tintureira (Phytolacca americana)

Descrición

Especie herbácea pero de gran porte, de ata 3 metros de altura. Algo leñosa na base, talo a miúdo dunha cor característica vermella viñosa. Follas verdes, alternas, simples, de marxe enteira, de ata 25 cm, lanceoladas. Inflorescencias en acios laxos, de ata 30 cm, con numerosas flores brancas ou algo coloreadas. O froito é unha baga púrpura moi escura con dez sucos. Sementes negras, lenticulares.


Lugar de proveniencia
América do Norte. Centro e leste dos Estados Unidos.


Propagación

Trátase dunha especie perenne pero que se propaga sempre por semente. Diferentes aves aliméntanse dos froitos e axudan á dispersión.


Comportamento e problemática

É unha especie invasora en Inglaterra, Italia e outros lugares de Europa, pero tamén en zonas próximas á súa área de distribución natural, nos Estados Unidos. Pode causar graves perdas como mala herba en cultivos, xa que vive en medios con alta nitrofilia e certa humidade. En Galicia é máis rara en medios naturais, polo que supón unha menor ameaza á flora autóctona. Considérase de comportamento invasor incipiente en España (Sanz et al., 2001).


Introdución
As follas e os talos conteñen compostos tóxicos, pero os froitos e outras partes empréganse para distintos usos medicinais. Porén, a causa máis probable da súa introdución é para seu uso ornamental. En Galicia coñécese desde mediados do século XIX.


Hábitats en que aparece
En medios alterados con alta nitrofilia e certa humidade. Cunetas, solares, cultivos e barbeitos, marxes de regatos e herbeiras nitrófi as abertas ou baixo arboredo. En cultivos abandonados e bordos de camiños, pero tamén en ameneirais e herbeiras húmidas.


Distribución en Galicia
Amplamente distribuída polas Rías Baixas, na franxa costeira máis térmica nos primeiros tramos do Ulla e outros ríos, estendéndose ata as inmediacións de Santiago de Compostela; nas illas Cíes, tamén polo Miño e zonas térmicas próximas á fronteira con Portugal, no Xurés e Verín, en ríos de Ourense como o Miño, o Limia ou o Avia, etc.


Mecanismos de control


Control mecánico

A erradicación desta especie mediante control mecánico é perfectamente factible e non require de ningunha técnica especial. Calquera das alternativas existentes (sega, rozadura, arranque) é factible. En teoría non existe, ou non foi documentado, risco de forte reabrollamento ou aumento da dispersión.


Control químico
O control químico tamén é perfectamente factible con calquera herbicida postemerxente. O control con glifosato faise efectivo en 4-5 semanas, cun 99% de eficacia.


Control biolóxico

Dada a facilidade de erradicación desta especie mediante técnicas menos custosas e complexas, non é de esperar que se intente acometer ou deseñar un plan de control biolóxico, máis aínda cando non se comercializa ningún axente de control. Nos Estados Unidos, onde esta planta aparece como mala herba en campos de cultivo que non se traballan, estase estudando o uso do patóxeno Phoma sorgina como posible axente de control.


Bibliografía
Bellot, 1952; Castroviejo, 1975; Amigo & Romero, 1997; Sanz Elorza et al., 2001.

Nome común
Herba carmín, herba tintureira
Nome científico
Phytolacca americana
Clase
Plantas superiores
Familia
Polygonaceae

Documento/s relacionados
Subir