CMATI

|
|
|
Compartir

Xestión de especies exóticas invasoras

A Lei 42/2007, do 13 de decembro, de Patrimonio Natural e da Biodiversidade, dedica un capítulo específico á  prevención e control das especies exóticas invasoras, establecendo unha serie de medidas para reducir o seu impacto sobre a biodiversidade nativa. Esta Lei creou o Catálogo Español de Especies Exóticas Invasoras, que foi desenvolvido posteriormente polo  Real Decreto 630/2013, de 14 de novembro, polo que se regula o listado e catálogo español de especies exóticas invasoras.

Máis recentemente aprobouse o Regulamento (UE) 1143/2014, do 22 de outubro de 2014, sobre a prevención e a xestión da introdución e propagación de especies exóticas invasoras, que establece as normas para evitar, reducir ao máximo e mitigar os seus efectos adversos sobre a biodiversidade na Unión Europea.

  

Que se está a facer en Galicia?

Avaliación previa e planificación

O problema derivado das especies invasoras en Galicia foi estudado co obxecto de obter información sobre as especies e ecosistemas afectadas e o verdadeiro alcance do seu impacto sobre a nosa biodiversidade. Nunha primeira fase a análise realizada aportou tan só unha aproximación á problemática, polo que no futuro se deberá seguirse afondando no seu coñecemento, en especial na análise do impacto das especies invasoras sobre os procesos ecolóxicos, as especies ameazadas e os hábitats naturais, así coma na análise das vías de entrada.

O establecemento de prioridades para afrontar a xestión do problema dun xeito transversal na Administración, sobre a base da prevención foi abordado mediante unha proposta técnica de Plan estratéxico para a xestión das especies exóticas invasoras en Galicia.

 

Prevención

A prevención é a medida máis eficaz e con menor custo para loitar contra este problema. Neste sentido, as principias medidas que se están a desenvolver son:

- A divulgación mediante campañas de información dirixidas a distintos sectores sociais e o fomento do voluntariado que permitan dar a coñecer as especies invasoras e os problemas que orixinan.

- Desenvolvemento de sistemas estandarizados de análise de risco, que constitúe unha ferramenta técnica fundamental para adoptar decisións relativas a novas especies exóticas ou á xestión das especies exóticas invasoras xa introducidas.

- Consideración desta problemática na avaliación ambiental de proxectos e plans.

 

Detección temperá e resposta rápida

Mediante a vixilancia periódica por parte de persoal instruído, pódese controlar a implantación de posibles especies invasoras na fase temperá da invasión, xa que  cando a especie se atopa establecida será moi difícil ou inviable a súa erradicación. Para isto estase a desenvolver unha Rede de alerta destinada a detectar a entrada de especies invasoras nas primeiras fases, o que permite en ocasións unha erradicación temperá.

           
 Erradicación e control

Como resultado do establecemento de prioridades para a xestión das invasións biolóxicas de acordo coa proposta de Plan estratéxico de xestión de especies exóticas invasoras, estanse a desenvolver dous eixes de actuación:

- A erradicación de focos de invasións de especies animais e vexetais de alto risco recentemente naturalizados, como o mapache (Procyon lotor) ou o bambú xaponés (Fallopia japonica).

- Para as especies exóticas con alto impacto para as que non é factible actualmente a súa erradicación, accións dirixidas a limitar a súa expansión (contención) ou limitar os danos que producen en hábitats ou especies sensibles (control), considerando principalmente a Rede Natura 2000. Dentro de estas pódense citar, por exemplo, as campañas dirixidas a eliminar o visón americano no P. N. Illas Atlánticas, as dirixidas ao control da uña de gato (Carpobrotus sp.) e a herba da pampa (Cortaderia selloana) nos espazos naturais costeiros, ou a de control da falsa acacia (Robinia pseudoacacia) no Sistema fluvial Ulla-Deza.

 

Seguimento e extracción de conclusións

 

Co obxecto de intentar extraer conclusións que permitan marcar as pautas en futuras actuacións, contemplase facer un seguimento das actuacións de xestión realizadas que permita asegurarse da eficacia dos métodos de control aplicados,  a evolución do hábitat, a aparición de novas especies invasoras, etc.