CMATI

|
|
|
Compartir

Guía da Paisaxe do Tempo

Esta publicación pretende achegar unha interesante investigación sobre os “núcleos históricos menores”, que é como os autores denominan a unha serie de asentamentos históricos que no seu día foron pezas moi importantes na rede urbana de Galicia, pero que non tiveron o mesmo tipo de desenvolvemento que as cidades e outras vilas maiores, e por esa razón presentan actualmente unha problemática e tamén uns valores peculiares e diferenciados.

As cuestións que se abordan neste traballo amosan a singular interrelación e coordinación entre catro das principais funcións públicas que desenvolve a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, como son a ordenación do territorio e o urbanismo, a paisaxe e a vivenda, todas elas no marco do medio ambiente e o desenvolvemento sostible, e que ademais forman unha parte importante da nosa identidade e do noso patrimonio cultural.

Os redactores, José González-Cebrián Tello e Miguel Ferreira Villar, atesouran un amplo bagaxe nos campos da ordenación territorial e urbanística, e nos ofrecen nesta obra un compendio de experiencias e de propostas de sumo interese e utilidade, tanto para os especialistas como para o público en xeral.

A obra, que se apoia nun importante traballo de representación gráfica e fotográfica, está organizada en tres apartados principais.

No primeiro deles analízanse as diferentes tipoloxías de núcleos históricos, en función da súa morfoloxía urbana e a súa inserción e relación co territorio, e así distínguense entre os que responden a unha estrutura pechada de orixe medieval, as vilas itinerarias, os enclaves defensivos en forma de baluarte, e os núcleos mariñeiros, nos que se identifican dous tipos, as vilas-ponte de fondo de ría e os portos fondeadoiro.

No segundo bloque do traballo faise un repaso ao marco legal en materia de patrimonio cultural e urbanismo, aplicado de forma práctica aos plans especiais de ordenación e protección de cascos históricos aprobados en Galicia, respecto dos cales diferéncianse tres etapas: unha primeira que vai desde 1985, ano en que se aproba a Lei do patrimonio histórico español, ata o ano 1995, cando se aproba a primeira lei galega de patrimonio cultural; unha segunda etapa correspóndese coa década 1995-2005, e a terceira ao planeamento especial despois de 2005. Así mesmo, nesta parte central do traballo analízase a evolución e a representatividade destes núcleos históricos menores no seu contexto urbano.

A terceira parte adopta un certo carácter de guía, por canto ocúpase de analizar unha serie de problemas comúns aos cascos históricos menores, e ofrece criterios e exemplos de intervencións orientadas a resolver ou minimizar eses problemas e, en definitiva, a amosar como con determinadas pautas e actitudes é posible realizar intervencións respectuosas e potenciadoras do valor cultural e do carácter ambiental e paisaxístico deste tipo de núcleos.

Na publicación non se pretende analizar a totalidade dos núcleos históricos de Galicia, tan só un conxunto deles, que representan diversas situacións máis ou menos paradigmáticas no que atinxe á localización, morfoloxía e tratamento urbanístico. No traballo analízanse os seguintes núcleos históricos menores:

  • Betanzos, Corcubión, Fisterra, Mugardos, Muros, Noia, Padrón e Pontedeume na provincia da Coruña.
  • Castro de Rei, Mondoñedo, Monforte de Lemos, Portomarín, Ribadeo, Samos, Sarria e Viveiro na provincia de Lugo.
  • Allariz, O Barco de Valdeorras, Castro de Valdeorras, Castro Caldelas, Celanova, Manzaneda, Monterrei, Ribadavia e Vilanova dos Infantes na provincia de Ourense.
  • Baiona, Cambados, Combarro, Tui e Vilanova de Arousa na provincia de Pontevedra.

Non se trata unicamente dunha investigación histórica, xa que, ademais, a análise oriéntase desde a perspectiva da ordenación urbanística, tanto dos feitos acontecidos no pasado, como tamén das posibilidades que se abren para o futuro. E faise sen perder de vista a consideración da paisaxe (tanto no referente á paisaxe urbana interior como á silueta urbana exterior), a problemática dos tecidos residenciais (coa correspondente singularidade dos procesos de rehabilitación, rexeneración e renovación urbanas) e o valor cultural que representan estes núcleos históricos.

Neste traballo, por tanto, abórdanse desde unha óptica cualificada cuestións da máxima actualidade e importancia para as vilas históricas de Galicia, o que xustifica plenamente a súa publicación e posta a disposición dos especialistas e de todo o público interesado.

Documento/s relacionados
  • Guía da Paisaxe do Tempo Descargar  (38.715 KB)