CMATI

|
|
|
Compartir

Guía de Estudos da Paisaxe Urbana

As paisaxes urbanas son os espazos nos que reside un importante número da poboación galega e nos que se desexa dispor de ámbitos atractivos nos que se mellore a nosa calidade de vida e benestar, xa que a contorna preceptiva das persoas inflúe notablemente na súa vida cotiá, por este motivo é importante acadar unhas boas condicións de calidade paisaxística nas zonas urbanas.

A determinación 8.6 das Directrices de Ordenación do Territorio de Galicia estableceu que o planeamento urbanístico realizará un estudo da paisaxe urbana, tratase dunha determinación orientativa, o cal quere dicir que Administración debe concretar a proposta que conteñen as directrices.

Para acadar unha mellora dos espazos urbanos é necesario unha planificación na que se comprenda o espazo que nos rodea e se planifique e constrúa colectivamente. A finalidade da guía de estudos da paisaxe urbana é dispoñer dunha metodoloxía que permita a elaboración dos estudos da paisaxe urbana no planeamento urbanístico xeral. A guía fundamentase nunha visión bidireccional e procurase estudar a paisaxe urbana coma unha entidade viva e dinámica, con capacidade de mellorar o planeamento. O resultado é unha metodoloxía adaptada a unha realidade urbana tan singular como a galega resultado do seu devir histórico.

A guía está estruturada en tres partes:

Parte I: Introdución. Esta parte presenta os conceptos básicos sobre a paisaxe urbana, o seu marco teórico e conceptual. Asemade, proporciona unha visión xeral do fenómeno urbano en Galicia tanto no seu desenvolvemento histórico como na súa situación actual que permiten mostrar varias ferramentas do instrumental que se desenvolverá na Metodoloxía. O capítulo final desta introdución achega unha visión sintética da metodoloxía, que se desenvolve integramente na parte II.

O contido da parte I: Introdución, definición do marco teórico, conceptual e metodolóxico da paisaxe urbana, diagnose do sistema urbano galego e métodos e instrumentos para a análise da paisaxe urbana.

Parte II: Metodoloxía. Esta parte explica o conxunto de métodos que compoñen a metodoloxía de análise da paisaxe urbana, descomposta nos seus dous compoñentes esenciais: a paisaxe urbana exterior e a paisaxe urbana interior, cada unha coas súas esixencias e circunstancias específicas, que dan lugar a métodos diferentes de análise e avaliación, diagnose, medidas e recomendacións.

O contido da parte II: Visión sintética da metodoloxía proposta, elaboración das bases informativas do estudo, estudo da paisaxe urbana exterior como imaxe do conxunto e estudo da paisaxe urbana interior como imaxe do fragmento.

Parte III: Anexos: A última parte do contido da Guía é o grupo de anexos que provén información complementaria que admite, en función do interese do lector ou usuario, unha lectura máis serodia e/ou específica. Achega un percorrido tanto polo marco legal como pola fecunda contorna histórica e artística do concepto de paisaxe urbana. Dase información de carácter práctico sobre técnicas de participación, unha relación de experiencias coa paisaxe urbana coma protagonista normativo ou obxecto de investigación, consellos prácticos sobre o uso das fontes de información, a bibliografía tanto a consultada para a redacción do documento como outra que tamén suma coñecemento, un glosario que define todos os conceptos tal como se usan na Guía, exemplos de aplicación da metodoloxía, un guión básico de documentación ou contido mínimo e, finalmente como colofón, un estudo tipo que explica a aplicación práctica de todo o antedito nas páxinas precedentes.

O contido da parte III: Análise do marco legal, percorrido pola imaxe da paisaxe urbana, técnicas de participación, estudos de paisaxe urbana con valor normativo, estudos de investigación sobre a paisaxe urbana, fontes de información e rexistro dos datos, bibliografía, glosario, exemplos de aplicación da metodoloxía, guión básico da documentación da EPU e estudo tipo.

Documento/s relacionados
  • Guía de estudos da paisaxe urbana Descargar