Historicamente, na execución das infraestruturas hidráulicas impúxose a funcionalidade das mesmas fronte a calquera outra consideración, sen considerar en moitos casos as consecuencias ecolóxicas e ambientais da súa implantación. A entrada en vigor da Directiva Marco da auga no ano 2000, que se incorpora ao dereito español mediante a Lei 62/2003 do 30 de decembro, supón un cambio na xestión dos recursos hídricos ao considerar a protección dos ecosistemas como un dos seus principais obxectivos. Aínda que a Directiva non fai alusión explícita á paisaxe, si reforza de forma substancial a necesidade de considerar a paisaxe nas políticas de auga, cuestión que queda definitivamente concretada tras a entrada en vigor da Lei 7/2008, do 7 de xullo, de protección da paisaxe de Galicia.
Por tanto, pódense realizar mellores infraestruturas se se ten en conta a paisaxe nas distintas fases de concepción, execución e xestión. Así pois, os proxectos de enxeñería hidráulica e, máis concretamente, os proxectos de abastecemento de auga potable deben volver fundamentarse no coñecemento profundo da paisaxe e facelo coa paisaxe e para a paisaxe.
Esta Guía de boas prácticas para a integración paisaxística das redes de abastecemento de auga potable pretende servir como documento de referencia, proporcionando os criterios e as recomendacións que contribúan a mellorar a integración paisaxística dos elementos constitutivos das redes de abastecemento de auga potable de Galicia, tanto dos xa existentes como daqueles que se poidan construír no futuro.
O contido da guía estrutúrase en tres bloques: